Tempo de autoestima

Por Camilo Nogueira (LA VOZ DE GALICIA, 28/06/06):

PARA a visión tópica do Estado español, asumida polas elites galegas, Galiza é un país esencialmente atrasado e pobre, que sobrevive grazas aos subsidios do Poder central. Unha rexión excéntrica; montañenta, neboenta, chuviosa. Un país sen historia. O galego, unha lingua minoritaria, da aldea.

Non resulta posíbel superar definitivamente esa visión negativa sen un exercicio político e cultural de autoestima, pensando a Galiza desde si mesma, asumindo a nosa responsabilidade como nación. De facérmolo non se tomaría o atraso económico como parte esencial do país: veríase como consecuencia de decisións políticas e circunstancias históricas desgrazadas, todas superábeis. A evolución da sociedade galega de rural e vilega a industrial e urbana, mostra por si mesma a irrealidade desa tan interesada como pitoña ideoloxía. A crise demográfica que a acompañou foi o resultado da ausencia dun poder político e institucional galego de tipo estatal que artellase os instrumentos necesarios para gobernar a abrupta e dolorosa transformación que se produciu no século XX.

De pensarse a Galiza como nación resultaría evidente que a respecto de Europa o territorio galego non é máis excéntrico que o de Madrid, e moito menos en relación co mundo, situado como está nun lugar privilexiado na fachada atlántica europea. Aparecía máis urxente e vital unirnos por alta velocidade ferroviaria co centro de Europa e con Portugal que con Madrid.

Consideraríase a chuvia e a montaña como riquezas inmensas a sumar á costa infinita, os ríos por millares, as fervenzas, as forestas e o sol que nos visita con regularidade.

Fora da ideoloxía estatal dominante, o galego móstrase como unha lingua propia e universal, falada coas mesmas palabras -pai e filla, souto e cerquiño, querermos e amaren, poldro e reiseñor, industriais e pesqueiros- por 220 millóns de persoas por moito que as digan de xeitos diversos, como no inglés. Unha lingua de reis, feita culta no medievo en Compostela, mantida por séculos nunha Galiza sen Estado, epopea singular protagonizada por labregos e mariñeiros.

O relato histórico español nega a memoria que alicerza as nosas aspiracións políticas e sociais de futuro. Nun asombroso exercicio de amnesia, nega o reino de Galiza, independente durante sete séculos. Ignora unha realidade imprescindíbel para contar a existencia de Portugal e dos reinos españois centrooccidentais, da mesma Castela.

Despois de 25 anos de autonomía, Galiza enfróntase á reforma do seu Estatuto. Serviría para ben pouco facelo sen realizar o necesario exercicio de autoestima, asumindo sen mediacións sacralizadas a responsabilidade de ser nación.

Non consiste isto, só, na incorporación imprescindíbel desa afirmación política e cultural, nin se trata de satisfacer un afán identitario, como argumentan fraudulentamente os que non queren máis identidade que a oficial dominante, senón de contarmos con todas as competencias políticas, económicas, sociais e culturais que corresponden a unha nación integrada nun Estado plurinacional sen fronteiras, recoñecida na UE, expresando por si mesma a súa personalidade internacional.

O Estatuto de nación debe ser apoiado por todas as forzas políticas na conciencia de a nación galega constituír unha arela de liberdade, consecuencia da historia e da vontade expresada pola sociedade. Foi o movemento nacional galego o que traballou esa vontade. Mais fíxoo para todos e todas, como outras forzas políticas e culturais, fóra e dentro do galeguismo, aquí e no mundo, lle deron vida ás ideas da liberdade política e económica, os dereitos humanos fundamentais, as reivindicacións dos traballadores e o sindicalismo, o feminismo, o respecto á natureza, o antirracismo, a igualdade dos pobos. Con independencia dos actores que as defenderon, todas forman parte do noso patrimonio colectivo.